CAMBIO DE FASE

Cambio de fase poderase ver a partires do 13 de xaneiro no Museo do Pobo Galego

Cambio de fase

O proxecto nace no período de illamento que vivimos por mor da Covid-19. Nese oasis de tempo suspendido, onde se mesturaban sensacións, lecturas, conversacións e pensamentos, creceu en min a necesidade de facer unha reflexión ao redor do que nos estaba sucedendo como individuos e, en último termo, como sociedade.

O traballo exponse como un mapeo emocional. Busca, a través do reflexo das sensacións, pensamentos e reflexións dos retratados, coñecer a pegada que a pandemia deixou en nós. Unha selección de retratos que se presentan como compendio dun colectivo, como explicación dun feito social común.

O desenvolvemento do proxecto está suxeito ás restricións ás que os cidadáns e as cidadás estivemos sometidos durante as diferentes fases. Por iso, circunscríbese a unha área moi determinada, Santiago de Compostela, e a un período de tempo reducido do 16 de maio ao 14 de xuño de 2020, que foi o último día en Galicia da fase 3.

Xoán Crespo